EXPOSICIÓNS

Viki Rivadulla presenta en NORMAL Onde habitan as mouras. Cartografías de nós, unha reflexión artística sobre a defensa da natureza e o legado das mulleres.
NORMAL – Espazo de Intervención Cultural da Universidade da Coruña presenta «Onde habitan as mouras. Cartografías de nós», unha exposición da artista Viki Rivadulla que propón unha reflexión sobre a crise ecolóxica, a defensa do territorio e a importancia de preservar a memoria e a identidade cultural.
A mostra reúne 30 pinturas acrílicas sobre lenzo e incorpora textos da artista e poemas de escritoras galegas e da activista mapuche Diva Millapan. Desde unha perspectiva ecofeminista, o proxecto reivindica o papel das mulleres como defensoras da natureza, transmisoras de saberes e protagonistas de numerosas loitas pola protección dos territorios.
Acto de inauguración:
📅 Venres, 30 de outubro
🕗 19:30 h
📍 Sala de exposicións de NORMAL
Deseño gráfico: Bernardo Paz Codesido
ACTIVIDADES

NORMAL súmase a Palestine Cinema Days Around the World 2026
NORMAL participa este ano na cuarta edición de Palestine Cinema Days Around the World, unha iniciativa impulsada por Filmlab Palestine que o 2 de novembro reúne cinemas, universidades, centros culturais e colectivos de máis de oitenta países arredor dunha mesma programación de cinema palestino.
Proxectarase With Hasan in Gaza, de Kamal Aljafari. A proxección será introducida polo crítico de cinema Martin Pawley, que contextualizará este traballo dentro da filmografía de Aljafari, unha obra construída en boa medida a partir da memoria, do arquivo e da reapropiación das imaxes de Palestina.
📅 Luns, 2 de novembro
🕗 19:15 h
📍 Sala Cubo de NORMAL
Paseo de Ronda 47, A Coruña.
Entrada libre ata completar a capacidade do espazo
RESIDENCIAS

Os artistas Raquel G. Ibáñez e Rodríguez-Méndez gañadores da VI edición do Programa de Residencias Artísticas que o Centro de Arte FMJJ convoca en colaboración coa UDC e NORMAL
O Centro de Arte Fundación María José Jove (FMJJ), en colaboración coa Universidade da Coruña (UDC) e NORMAL – Espazo de Intervención Cultural, deu a coñecer a resolución da sexta edición do seu Programa de Residencias Artísticas. Os creadores seleccionados nesta convocatoria foron o galego Carlos Rodríguez-Méndez e a madrileña Raquel G. Ibáñez.

Isto é NORMAL
A Área de Cultura da Universidade da Coruña organiza unha ampla variedade de actividades culturais nos campus da Coruña e Ferrol. Estas inclúen exposicións, obradoiros, conferencias, proxeccións de cine, concertos, entre outras iniciativas, dirixidas tanto á comunidade universitaria como ao público en xeral.
A programación cultural coordínase desde Normal, o espazo de intervención cultural da UDC, situado no Campus de Riazor.
