O Centro de Arte Fundación María José Jove en colaboración coa Universidade da Coruña (UDC) e NORMAL, Espazo de Intervención Cultural, deron hoxe a coñecer os artistas gañadores da VI Edición del Programa de Residencias Artísticas. Esta iniciativa está destinada a apoiar a creación artística que, desde unha reflexión crítica, se aproxime ás dinámicas, memorias e resonancias do contexto máis próximo.
O tribunal valorou positivamente os seus proxectos El aumento y Volteo por profundar, a través da creación artística e desde unha perspectiva crítica, nas dinámicas, memorias e resonancias do territorio
A residencia ofrece a ambos os creadores unha estancia de até tres meses na Coruña con espazo de traballo en NORMAL, aloxamento e unha dotación de 6.000 euros por proxecto
O Centro de Arte Fundación María José Jove (FMJJ), en colaboración coa Universidade da Coruña (UDC) e NORMAL – Espazo de Intervención Cultural, deu a coñecer a resolución da sexta edición do seu Programa de Residencias Artísticas. Os creadores seleccionados nesta convocatoria foron o galego Carlos Rodríguez-Méndez e a madrileña Raquel G. Ibáñez.
O programa de residencias, consolidado como unha plataforma de apoio á creación contemporánea e á investigación situada, ten como obxectivo proporcionarlles aos artistas unha contorna de traballo propicio para desenvolver marcos conceptuais que interpreten problemáticas actuais nas súas dimensións sociais, culturais e territoriais. Ambos os beneficiarios contarán cunha dotación económica de 6.000 euros para honorarios, gastos de produción e desprazamento, ademais de aloxamento na Residencia Universitaria Elvira Bao da Coruña, espazo de traballo individual en NORMAL, acompañamento curatorial e unha presentación pública final dos seus proxectos, que levarán a cabo entre setembro e decembro deste mesmo ano.
Os dous proxectos seleccionados articulan unha mirada crítica sobre a materia, o tempo e os vínculos entre o humano e a súa contorna. Por unha banda, Rodríguez-Méndez desenvolverá El aumento, unha proposta que incide na vulnerabilidade, a memoria e a transformación a partir da intervención de mantas procedentes dunha residencia de maiores. Cubertas con fermento seco, estas preséntanse como corpos en proceso de crecemento e cambio, profundando na intimidade, a cultura material e a experiencia do tempo; todo iso visto desde unha perspectiva escultórica influenciada polas reflexións poéticas de Herberto Helder, Birgitta Trotzig e Peter Handke.
Pola súa banda, Raquel G. Ibáñez levará a cabo Volteo, un proxecto que investiga a relación entre os fenómenos atmosféricos e o humano tomando como partida o estudo das «pedras climáticas», elementos rituais tradicionais vinculados á transformación do tempo. A través dunha instalación escultórica e sonora activada pola proximidade do público, a artista empregará xeófonos e micrófonos de contacto para rexistrar e facer perceptibles as vibracións do territorio, propondo unha reflexión sobre a fraxilidade ecolóxica, o mutualismo planetario e as formas de coñecemento que conectan paisaxe, memoria e crenza.
Coa resolución desta sexta convocatoria, o Centro de Arte FMJJ e a UDC reafirman a súa alianza estratéxica para fortalecer o tecido cultural e impulsar iniciativas de investigación artística que conecten o ámbito universitario co pensamento crítico contemporáneo e as dinámicas sociais da comunidade. Desta forma, Rodríguez-Méndez e Raquel G. Ibáñez súmanse á traxectoria dun programa que xa contou con figuras como Alejandra Pombo Su (2021); Berio Molina e Fuentesal Arenillas (2022); Diego Vites, Violeta Iglesias e Sabrina Fernández Casas (2023); Fermín Jiménez Landa e Blanca García (2024); e Raphael Escobar e Ibon Aranberri (2025).
Sobre Raquel G. Ibáñez (Madrid, 1989)

Licenciada en Belas Artes pola UCM e experta en Dixitalización do Patrimonio Cultural pola UNED, Ibáñez compaxina a investigación coa docencia e a creación en formatos como a performance, o son e o debuxo. Desenvolveu proxectos para institucións como CA2M, Fundación Cerezales Antonino e Cinia, MACBA, Museo Tàpies ou La Casa Encendida, e recibido recoñecementos como o Premi Miquel Casablancas 2024.
Sobre Rodríguez-Méndez (As Neves, Pontevedra, 1968)

Licenciado en Belas Artes pola UCM e profesor de Escultura na Universidade de Salamanca, Rodríguez-Méndez conta cunha sólida traxectoria internacional con exposicións individuais en institucións como S.M.A.K. de Gante, MARCO de Vigo, Matadero Madrid, Yaddo Foundation de Nova York ou Museo CA2M; aínda que a súa obra forma parte de coleccións como as do Museo Reina Sofía ou CGAC.
Xurado
A avaliación dos proxectos correu a cargo dun xurado composto por Juan Canela, crítico de arte e curador xefe do Museo de Arte Contemporánea de Panamá (MAC Panamá); Marta Mestre, comisaria do Museo de Arte Contemporánea MAC/CCB de Lisboa; Susana González, comisaria e directora do Centro de Arte FMJJ; e Cristina Naya, vicerreitora de Divulgación, Cultura e Deporte da UDC. A comisión destacou a proposta de Rodríguez-Méndez pola súa densa poética escultórica sobre a vulnerabilidade e os ciclos vitais en corpos de idade avanzada, así como a aproximación de Raquel G. Ibáñez ao territorio a través dunha práctica sonora e escultórica que explora os ritos climáticos e o mutualismo planetario.

