Qué é NORMAL?
NORMAL é o espazo de intervención cultural da Universidade da Coruña. Un lugar de creación e debate orientado a atraer e fomentar novas demandas e públicos mediante a oferta de espazos nos que ver, escoitar e producir prácticas culturais e artísticas contemporáneas.
A programación de NORMAL é interdisciplinaria, centrada na experimentación e nas linguaxes contemporáneas. Esta oferta concrétase en cursos e obradoiros sobre arte, cinema, teatro, danza, literatura, música, ademais doutras actividades que fomentan o coñecemento e o pensamento crítico.
NORMAL é tamén un contedor para a produción e coprodución de iniciativas, proxectos propios e colaboracións. Un aspecto destacado desta oferta son as exposicións e as actividades de mediación asociadas, así como as residencias artísticas, realizadas en colaboración coa Fundación Maria José Jove.
Espazo aberto
Entendemos a oferta cultural como complemento esencial da misión formativa integral da Universidade e, ao mesmo tempo, como un espazo de retorno á sociedade dos coñecementos e saberes que creamos ou transmitimos. NORMAL é un espazo aberto a toda a comunidade, tanto universitaria como non universitaria. Aspira a ser un punto de encontro para a sociedade, os artistas, as asociacións e a colaboración institucional. Ademais, reforza o seu compromiso coa sociedade a través de convocatorias públicas anuais para a impartición de obradoiros.
O edificio e o nome
O centro está situado no edificio que, no seu día, acolleu a Escola Normal de Maxisterio. De aí o nome de NORMAL, co que sempre foi coñecido na Coruña. Recuperar este nome é recoñecer a súa historia ligada á educación e, máis concretamente, ao que foi a Cidade escolar, que, xunto aos edificios de Náutica e de Comercio, constituíu o xermolo do que anos despois sería a UDC.
O termo “NORMAL”, ademais de aludir á súa historia, tamén suxire significados que, dende o punto de vista do proxecto cultural que alberga, só poden ser interpretados en clave irónica: mentres que a norma limita, NORMAL fomenta a creación e a apertura.
O edificio foi deseñado polo arquitecto Antonio Tenreiro Rodríguez (1893-1972), autor de obras tan emblemáticas como o Banco Pastor, o mercado de Santo Agostiño ou o Arquivo do Reino de Galicia, entre outras. Este proxecto enmarcábase na Cidade Escolar de Riazor, da que tamén forman parte Náutica (1948-1956), o actual CUR (1941-1947), orixinalmente Comercio, e o Instituto Masculino (1941-1947). A pesar de ser represaliado tras 1936, Tenreiro conseguiu completar a obra, que foi finalizada en 1955. As reformas para adaptar o edificio ao seu uso como espazo cultural foron realizadas polos arquitectos Mario di Felice e Gabriel Santos Zas.




