22 de maio. 20:30h.
Sala Cubo de NORMAL
A Real Academia Galega acordou dedicar o Día das Letras Galegas 2025 á poesía popular oral, personificado en Adolfina e Rosa Casás Rama, de Cerceda, Eva Castiñeira Santos, de Muxía, e Manuela Lema, Teresa García Prieto e Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda, integrantes estas catro das Pandeireteiras de Mens (Malpica). É unha representación colectiva, como xa se fixo na elección dos trobadores da ría de Vigo en 1998, cos que se rendera homenaxe á poesía medieval. Coa elección de 2025 quíxose recoñecer a importancia da poesía popular oral, que acompaña a nosa sociedade desde sempre.
Con este motivo, o 22 de maio, a cantante Faia Díaz actuará na Sala Cubo de NORMAL, onde presentará o seu novo disco, Alvela, xunto coa arpista bretoa Bleuenn Le Friec, interpretando un repertorio de cancións baseadas da música de transmisión oral. Arrolos, romances e outras cantigas coas que quere dar luz ao universo silenciado da maternidade. Tomando como inspiración as palabras de Lorca na súa conferencia sobre as nanas ibéricas, a denuncia latente en cada letra e cantiga, que atravesou séculos de represión e vive na memoria do corpo, toman forma musical neste espectáculo.

Este álbum continúa a súa exploración da música tradicional galega desde unha perspectiva contemporánea e feminista. Alvela revisita cancións tradicionais como arrolos e romances, acompañadas por instrumentos de corda e gravacións de campo manipuladas, creando unha sonoridade íntima e experimental. O disco conta con colaboracións de artistas como Bleuenn Le Friec, Antía Ameixeiras, Antía Muíño, De Vacas e Suelen Estar Cuartet. A produción estivo a cargo de Hevi (Malandrómeda, Fluzo), un dos produtores máis influentes na nova escena musical galega.
O proceso creativo
O proceso de creación do álbum Alvela partiu dunha serie de imaxes e lembranzas que se converteron en textos, en “escenas” desde as que traballar para a composición das cancións, entendendo como composición a busca e adaptación das melodías e letras tradicionais e a creación das sonoridades ou arranxos musicais que as acompañan. As melodías son todas tradicionais, mais de diferente procedencia; algunhas parten da memoria familiar e outras de arquivos sonoros. Como compiladores, cómpre destacar os arquivos de Dorothé Schubarth e Antón Santamarina, accesibles no APOI, e mais o de Alan Lomax. As outras fontes importantes son dúas fitas de arquivo familiar (Doncos e Quinzán) e o repertorio de Erminda Miramontes.

Todo este corpus melódico e de letras complementouse cun traballo de reelaboración e adaptación, nun intento de fialo no discurso do disco, procurando aquelas coplas que máis resoaban na miña propia historia e que puidesen, desde aí, resoar na historia de todas nós.
O arquivo é unha peza fundamental á hora de entender a conceptualización e sonoridade do disco, xa que é desde a súa lóxica e desde a súa materialidade que fomos construíndo os temas. As posibilidades que o arquivo abre, o mundo ao que remite, son infinitas.
Traballamos con gravacións de campo caseiras e outros arquivos sonoros para a composición dalgúns temas. Noutros, son os instrumentos de corda os que acompañan a voz (arpa, violíns, violoncello, contrabaixo e guitarra). O concepto do tempo, dos ciclos, e a importancia que estas temporalidades teñen na expresión do canto tradicional, leváronnos a pensar nun disco que fose case unha liña de tempo e que á súa vez remitise todo el a un suceso, unha narración cun principio e cun final, cunha serie de “capítulos” convertidos en cancións.
Falan dunha experiencia concreta: o parto da miña filla, pero isto é un fío do que tirar e desde o que abrir o discurso a un lugar que entendo como común. Conto a historia, ou evócoa, a través dos arrolos e cantos infantís presentes no cancioneiro, como un repertorio ligado tradicionalmente á experiencia da maternidade; pero tamén observo e selecciono outras coplas e pezas tradicionais desde ese mesmo filtro.
É interesante pensar que os arrolos foron dalgún xeito as únicas pezas que tradicionalmente as mulleres podían cantar en “soidade”. Isto paréceme importante, porque, se ben o bebé é una compaña e o arrolo se canta para adormentalo, a colectividade presente no traballo ou noutros contextos sociais aquí non estaba presente. Isto probablemente permitíalles ás mulleres expresárense desde outra liberdade, incorporar na letra e na melodía todo aquilo que doutro xeito non se podía cantar: falar do seu anoxo, da súa carga, da súa culpa, do seu cansazo, da súa frustración e ata da súa felicidade.

