SOBRE TODO é un proxecto artístico que toma como protagonista o espazo aéreo para configurar unha reflexión política e poética sobre como este lugar está en proceso de converterse en territorio, e como este acto de territorialización pode ilustrar problemáticas actuais relacionadas co Capitaloceno e as súas catástrofes ancestrais (aquelas que son simultaneamente pasado e presente).
Sobre todo tenta falar do ceo sen nomealo.
Sobre todo téntao, e é nese intento errado no que se construíu.
Sobre todo neses intentos que narran o momento presente e o mañá que foi onte, nesas ilustracións luminosas que indican un futuro programado, nese rótulo que informa, nese chaveiro cun lema que lembra.
Sobre todo lémbrache que estás aquí por algo, debiches vir por algunha razón e iso é suficiente. É suficiente que agora esteas a ler isto.

Sobre todo é suficiente porque ti tamén formas parte disto, deste aire que está aquí, que estás a cambiar agora mesmo, mentres les. Este aire que, sen darte conta, entra en ti para cambiarte.
Sobre todo, con todo, está patas para arriba, porque perdemos o horizonte, o compás estalou de tanto usalo. Mirando cara a arriba atopamos os que queren seguir conquistando, pero tamén un grupo de estorniños que por momentos parecen debuxar un puño, conformando así unha verdade máis certa, un poder máis rotundo.
Sobre todo e sobre o difícil que é aceptar que este é un texto expositivo que non quere selo, e, sentíndose vencido, comeza a explicar as pezas que conforman esta incógnita.
Sobre todo un ensaio audiovisual de 25 minutos que fala da atmosfera, o pulmón, o vento, os insectos, os ventiladores, as aspas, a fábrica, o fume, as siluetas, os paxaros, as plumas, o ovo ou a galiña, o refuxio, a nube, os avións, as bombas, a néboa, a bruma, a neve, a explosión, os carretes, a retina, as imaxes, o ceo e a meiga, as ondas, os satélites, as constelacións, as revolucións, as bandadas, as estrelas e o punto. É dicir, fala do teito.
Sobre todo falan as columnas que xa non suxeitan, as que flotan. Nove columnas flotantes din que alguén ilustrou escritos, ou eran máis ben promesas? O certo é que veñen de patentes. Tamén é verdade que son bosquexos de máquinas. Alguén deseñounas para extraer minerais do máis aló. Máis que mostrar aquilo que se espera construír, as liñas do debuxo reflicten a traxedia do espolio que vén.
Sobre todo, na rúa desta sala, hai un expositor sen vitrina. É coma un deses expositores que venden ou arrendan lugares. O lugar, aquí, é unha historia, unha liña temporal marcada por momentos, leis; unha cronoloxía do dereito ao espolio.
Sobre todo, ou mellor dito, sobre a praia, están as lastras. Así o escribía alguén sobre unha parede de París un maio de 1968 (sous les pavés, la plage). Ou dalgunha maneira denunciábao alguén nun discurso en Davos un xaneiro de 2019 propoñendo que actuemos coma se a casa estivese en chamas, porque o está (I want you to act as if the house was on fire, because it is). Todo iso parecen proverbios, palabras, lemas roubados. Iso ou chaves mestras. O chaveiro, ese de aí, está aí para que o roubes. Para que o gardes no peto, para que apareza cada vez que abras unha porta, para que cando peches a porta quedes pensando que efectivamente: baixo o teito, as chamas (sous le toit, les flammes).
Sobre todo, sobre as chamas.
“Sobre todo”, que é o mesmo que “por encima de todo” ou “por arriba de todos os corpos e todas as terras”.
Sobre todo, así é, sobre todo.
— Enar de Dios Rodríguez

