Fío do Norte

✴︎

17/10/2024

14/02/2025

✴︎

NORMAL Campus de Riazor

Ninguén está perdida nesa hora cando o vento sopla
e hai unha lúa vertical, noviña, que envolve de misterio os perfís.
Xohana Torres, Estacións ao mar (1980) 

Cales son os padróns climáticos, mitos e historias, ritmos, cores e formas, habitantes humanos e non humanos que poderán constituír un posible imaxinario do noroeste ibérico na súa realidade e ficción?

Esta pregunta xorde baixo a forma dun encontro entre un grupo de artistas que traballan ao redor do territorio denominado noroeste ibérico en todas as súas complexas formas de definición. Unha experiencia que naceu do interese por crear unha investigación especulativa sobre a linguaxe do territorio, a súa sensorialidade, o animismo da paisaxe, as múltiples mitoloxías individuais e colectivas e mais a vontade de establecer un dialogo con diversas visións presentes dunha paisaxe ancorada no pasado que nos proxecta cara a un futuro ancestral.

FÍO DO NORTE. Música: Carme López, Epilogue: Inflorescencia

Querendo coñecer rituais, formas expresivas de persoas, animais, plantas e elementos minerais, fomos na procura das raíces, terminacións e tentáculos dunha determinada noción de territorio, tentando atopar, coñecer e permanecer nos lugares onde se intuíse esta posible construción. Ao facelo, consideramos o pasado, mais, sobre todo, enfrontamos o presente-futuro destes espazos concretos e imaxinados entre mares, bosques e asentamentos urbanos. 

Moitas destas ideas comezaron aquí mesmo: nas bizarras formas escultóricas, obxectos, materias e documentos con que a Cabria para Normal, de Diego Vites, habitou este espazo e incitounos a pensar na construción dunha identidade imaxinada desde diferentes prismas e cosmoloxías. De aquí, medrou un delirio de abstracción e fantasía que contaminou as nosas reflexións para pensarmos en conxunto un proxecto expositivo onde o uso da ficción nos puidese ofrecer múltiples entradas cara a un espazo imaxinado cheo de preguntas, e de afirmacións, mais tamén de trampas creadas para estimularen o noso coñecemento.

Maruja Mallo emerxe cun manto de algas para iniciar esta narrativa engaiolante, que o colectivo NEG (Nova Escultura Galega) alimenta desde unha etnografía asociada á escultura popular galaico-portuguesa e que continua coas formas creadas por Mariana Barrote asociadas aos elementos naturais da paisaxe da serra de Arga, na rexión do Alto Minho, onde aínda podemos ter a sorte de albiscar mandas de salvaxes cabalos garranos. Ampliada polas cores graníticas da serra da Groba, Carla Andrade sitúanos nese xogo de forzas ancestrais na costa máis meridional e rectilínea de Galicia, de onde eventualmente poderán crecer formas e visións espectrais, alimentadas polos medos do pasado, como as que suxiren o conxunto de monotipias de Francisco Queimadela e Mariana Caló, ou as fotografías de excrementos de gaivota captadas por Jorge Barbi, e onde achamos suxestivas formas antropomorfas. 

Seguindo intuicións sobre a percepción da paisaxe, que se proxecta alén da súa forma e materialidade e baixo a influencia de diferentes fontes de enerxía que se escapan entre os dedos das nosas mans como algo incapturable, as sensacións producidas polos fenómenos naturais chéganos asociada a rituais ancestrais en forma de máscaras e fogueiras, onde demos e seres mitolóxicos son convocados para a celebración desta estreita relación entre humanos e máis que humanos. Na obra de Laxeiro, directamente ligada ao fantástico e sombrío período do entroido, un grupo de personaxes andan perdidos por unha paisaxe montañosa que acompaña, nas súas formas, a idea dunha ilusión e/ou de alucinacións propias dos rituais pagáns. Ou as visións imaxinarias que xorden da transformación alquímica dos alimentos proporcionados polos cultivos do territorio na curtametraxe do colectivo Cem Raios T’abram, filmado na contorna de Pitões de Junias, unha das aldeas sitas dentro do Parque Nacional da Peneda-Gerês e un dos ambientes máis máxicos do norte de Portugal na fronteira con Galicia. Neste espazo-tempo de delirio e euforia, de escuridade e luminiscencias poderían habitar personaxes fabulosas como o diabo de dúas cobras, de Antonio Ramalho e os rostros de seres salvaxes, case arbustos, case ósos, case almas… de Daniel Moreira e Rita Castro Neves. 

E na construción destas relacións simbióticas entre especies e elementos naturais vibrantes de enerxías transformadoras, podemos alucinar cos encontros improbables entre homes, bechos e plantas que acontecen nos debuxos de Vicente Blanco, que transmiten unha sensualidade cara ao descoñecido como as pezas cerámicas de Salvador Cidrás onde a experimentación de materiais e tecnoloxías téxtiles nos fan mil preguntas sobre as posibilidades dun desenvolvemento sostible entre a conflitiva afirmación das fronteiras entre o rural e o urbano. Laure Mojo fai un intento de documentar a memoria, utilizando o papel como espazo de negociación. Os seus debuxos habitan a inexactitude e desproporción, chegando a un estado de efecto dexenerado ou aspecto inconcluso (do mesmo xeito que o recordo é incompleto) non medido e sen un sentido do espazo. 

Lara e Noa Castro Lema e mais un cardume de xurelos cantan para celebrar a vida, mais tamén a morte, o amor, a loita e a memoria e Federico García Lorca cantou na morte dun adolescente afogado no río Sil nos seus Poemas Gallegos de 1935 que, posteriormente, no exilio arxentino, Luís Seoane ilustraría, rescatando o corpo deste adolescente antes de chegar ao mar, nos brazos dun grupo de “loiros rapazes“ guiados por unha sirena. 

Filipa levoume, agarrado do maimiño da man, para perdérmonos sen calquera tipo de medo, nin vontade de dominar a paisaxe, na máis recóndita foresta do coñecemento. Sen entender que a néboa, os lobos da montaña e a lenta manifestación do radon emanado polo granito, tal como unha variedade alucinóxena de liques de varias formas e cores, nos poderían reunir con todas estas formas e posibilidades de compartir e celebrar referencias, historias, palabras e conexións con este lugar que conserva un longo pasado e un futuro aínda máis extenso. 

Este sitio web utiliza cookies propias e de terceiros, para ofrecerlle unha mellor experiencia e servizo. Pode revisar a nosa política de cookies en calquera momento. View more
Cookies settings
Entendido
Cookies
Privacy & Cookies policy
Cookie name Active

Política de cookies

Información xeral

Unha cookie é un ficheiro que se descarga no teu computador ao acceder a unha determinada páxina web. As cookies permiten á dita páxina web, entre outras cousas, almacenar e recuperar información sobre os hábitos de navegación dun usuario ou do seu equipo e, dependendo da información que conteñan e da forma en que utilice o seu equipo, poden utilizarse para recoñecer ao usuario e mellorar o servizo ofrecido.

Tipos de cookies

A UDC emprega cookies propias e de terceiros, podendo tratarse de cookies de funcionalidade ou cookies analíticas ou de rendemento. O uso destas cookies permítennos optimizar a túa navegación, adaptando a información e os servizos ofrecidos aos teus intereses, para proporcionarche unha experiencia máis áxil e intuitiva. As cookies asócianse unicamente a un usuario anónimo e o seu computador/dispositivo e non proporcionan referencias que permitan coñecer datos persoais.

Cookies propias

A UDC emprega cookies propias de funcionalidade que se utilizan para recoñecerche cando volvas acceder ao noso sitio web e permítennos ofrecerche funcións melloradas e máis personalizadas, tales como saudarche polo teu nome e lembrar as túas preferencias (p. ex., a túa elección de idioma ou rexión). Estas cookies recollen información anónima e non poden rastrexar os teus movementos noutros sitios web.

Cookies de terceiros

A UDC utiliza Google Analytics, un servizo de analítica web desenvolvido por Google Inc., que permite a medición e análise da navegación nas páxinas web.

Modificar a configuración das cookies

Podes restrinxir, bloquear ou eliminar as cookies instaladas no teu equipo mediante a configuración das opcións do navegador instalado no teu computador: A configuración do teu navegador para rexeitar todas as cookies ou, expresamente as cookies da UDC non che impedirá navegar pola páxina web, aínda que a dita navegación non poderá gozar das funcionalidades que requiran a instalación dalgunha delas, en concreto, as funcionalidades indicadas nas cookies propias.
Save settings
Cookies settings