29/05/2025, 18:00
Presentación e proxección
Con traballos audiovisuais de: Pille-Riin Jaik, Simona Obholzer, Christiana Perschon, Lisa Truttmann
Comisariada por: Enar de Dios Rodríguez
Con motivo da exposición “Sobre todo”, Enar de Dios Rodríguez presentará a forma de traballo radicalmente colectiva de The Golden Pixel Cooperative, unha asociación artística con sede en Viena centrada na imaxe en movemento, da que forma parte desde 2020 e que dirixiu durante os últimos catro anos. Esta presentación irá acompañada dunha selección de traballos audiovisuais realizados por membros da cooperativa.


Activa tanto dentro do contexto artístico como fílmico, The Golden Pixel Cooperative fundouse en 2014 co obxectivo de actuar colectivamente dentro dun tecido cultural marcado polo individualismo e a competencia. Desde entón e movida por un facer crítico, feminista e antidiscriminatorio, esta asociación desenvolve unha ampla variedade de proxectos culturais que se materializan en forma de proxeccións, exposicións, conferencias e publicacións.
Para ilustrar a diversidade de voces e faceres que se agochan detrás desta cooperativa mostraranse catro traballos das súas integrantes. Reunidas baixo o título “Unha imaxe: unha foresta”, estas pezas audiovisuais móvense por terreos próximos á experimentación. Seleccionadas como se fosen palabras que, dispostas unha tras outra, acaban formando unha oración, as obras aquí presentadas pódense ler como un comentario coral a unha paisaxe poliédrica: un bosque escrutado desde diferentes perspectivas, xa sexan fílmicas, ecolóxicas ou sociais.
Programa
“das bin nicht ich, das ist ein bild von mir” de Christiana Perschon, 2018, 9 min.
“DIN 18035” de Simona Obholzer, 2024, 13 min.
“all i had was weed (but what they wanted was flowers)” de Pille-Riin Jaik, 2023, 14 min.
“Critters Chorus, Cycle 1” de Lisa Truttmann, 2022, 13 min.

