Reflexos do Ártico é un ciclo de documentais que nos mergulla nunha das rexións máis extremas e fascinantes do planeta. A través dunha selección de películas que exploran desde a vida cotiá ata os desafíos ambientais e culturais que enfrontan os habitantes do Ártico, este ciclo propón unha viaxe visual polas súas paisaxes e as comunidades que as habitan.
O percorrido comeza con Nanook of the North (1922), de Robert J. Flaherty, considerado o primeiro gran documental da historia do cinema. Esta obra pioneira segue a vida dunha familia esquimó no norte de Canadá para mostrar as súas estratexias de supervivencia nunha contorna hostil. A pesar de certas recreacións dramatizadas, segue a ser unha referencia fundamental para entender as culturas do Ártico. Case cincuenta anos máis tarde, en Labrador North (1973), Roger Hart ofrecería un retrato da vida na península do Labrador, onde as comunidades indíxenas e colonas desenvolveron unha estreita relación coa natureza.
Steering North (1960), de David Bairstow, explora os avances tecnolóxicos na navegación do Ártico, a salientar como as innovacións de mediados do século XX facilitaron o cruzamento das súas augas, en resposta a un crecente interese polos recursos do norte.
Outras olladas destacan os desafíos que formula o cambio climático.
Halout (2022), de Evgenia Arbugaeva e Maxim Arbugaev transpórtanos a unha cabana remota no norte de Rusia onde capturan dunha forma sorprendente a transformación da contorna natural, tras pasar tres meses gravando co biólogo mariño Maxim Chakilev. Igualmente, Geographies of Solitude (2022), de Jacquelyn Mills, presenta unha meditación visual sobre a illa de Sabre e o compromiso da naturalista Zoe Lucas coa súa conservación, explorando a conexión entre a soidade, a natureza e o impacto humano nos ecosistemas vulnerables.
Sen afastarse do foco na paisaxe ártica, o ciclo incorpora outras perspectivas con Heima (2007), de Dean DeBlois, un documental sobre a banda islandesa Sigur Rós. Coa escusa dunha súa xira por Islandia, o filme traza unha ponte entre a música e a contorna natural da illa. Pola súa banda, Vikingland (2011), de Xurxo Chirro, rescata as gravacións caseiras de Luís Lomba, O Haia, un mariñeiro galego que traballaba nun transbordador entre Dinamarca e Alemaña nos anos noventa. A través destas imaxes, o documental ofrece un retrato íntimo da vida a bordo e a distancia do fogar, ademais de provocar unha reflexión sobre a memoria e o paso do tempo.
Destas perspectivas, Reflexos do Ártico ofrece un mosaico sobre un territorio en constante cambio, combinando historia, música, natureza e a resiliencia de quen o habita.
Semana 1

Luns, 10 de marzo
- 12 h: Nanook of the North (1922)
- 19 h: Labrador North (1973)
Martes, 11 de marzo
- 12 h: Steering North (1960)
- 19 h: Geographies of Solitude (2022)
Mércores, 12 de marzo
- 12 h: Halout (2022)
Xoves, 13 de marzo
- 12 h: Heima (2007)
- 19 h: Vikingland (2011)
Venres, 14 de marzo
- 12 h: Nanook of the North (1922)
- 19 h: Labrador North (1973)
Semana 2

Luns, 17 de marzo
- 12 h: Steering North (1960)
- 19 h: Geographies of Solitude (2022)
Martes, 18 de marzo
- 12 h: Halout (2022)
- 19 h: Vikingland (2011)
Mércores, 19 de marzo
- 12 h: Heima (2007)
Xoves, 20 de marzo
- 12 h: Nanook of the North (1922)
- 19 h: Labrador North (1973)
Venres, 21 de marzo
- 12 h: Steering North (1960)
- 19 h: Geographies of Solitude (2022)
Semana 3

Luns, 24 de marzo
- 12 h: Halout (2022)
- 19 h: Vikingland (2011)
Martes, 25 de marzo
- 12 h: Heima (2007)
- 19 h: Labrador North (1973)
Mércores, 26 de marzo
- 12 h: Nanook of the North (1922)
Xoves, 27 de marzo
- 12 h: Steering North (1960)
- 19 h: Geographies of Solitude (2022)
Venres, 28 de marzo
- 12 h: Halout (2022)
- 19 h: Vikingland (2011)
Semana 4

Luns, 31 de marzo
- 12 h: Heima (2007)
- 19 h: Labrador North (1973)

