A Universidade da Coruña organiza en NORMAL un ciclo de conversas arredor da figura, a obra e o legado intelectual de Ramón Otero Pedrayo
A Área de Cultura da UDC organiza Outono Oteriano, un ciclo de tres parladoiros arredor da figura e do legado intelectual de Ramón Otero Pedrayo, que se desenvolverá os mércores 14, 21 e 28 de outubro, ás 19:00 horas, na Sala Cubo de NORMAL.
O nome do ciclo recupera o termo que o propio Otero Pedrayo empregou a partir de 1946 para a súa sección de artigos no xornal La Noche. Neles, o escritor e intelectual abordaba cuestións relacionadas coa xeografía, a literatura e a política, construíndo un espazo de reflexión e conversa.
A Universidade da Coruña recupera agora ese xesto para propoñer tres encontros que abordan diferentes dimensións do pensamento e da obra de Otero Pedrayo: a súa relación con Castelao, a súa concepción da xeografía e da paisaxe e a pegada da súa obra na literatura posterior.
O ciclo pretende así achegarse á figura de Otero desde diferentes perspectivas, non para pechala nun relato único, senón para reler a súa obra, explorar as súas conexións e descubrir novas resonancias do seu legado.
Coordinación académica: María do Carme Fernández Pérez-Sanjulián (UDC).
Outono Oteriano
Datas: 14, 21 e 28 de outubro de 2026
Horario: 19:00 h
Lugar: Sala Cubo, NORMAL-Universidade da Coruña
PROGRAMA
Parladoiro I. Otero Pedrayo e Castelao a catro mans, política e literatura
Patricia Arias Chachero e María Pilar García Negro
Mércores, 14 de outubro, ás 19:00 h
A primeira conversa estará dedicada á profunda interrelación intelectual, artística e ideolóxica entre Ramón Otero Pedrayo e Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. Patricia Arias Chachero e María Pilar García Negro achegarán as súas perspectivas sobre dous dos grandes nomes da cultura galega do século XX e sobre os vínculos entre a súa traxectoria, o pensamento, a política e a literatura.
Patricia Arias Chachero é catedrática de Lingua Galega e Literatura no IES A Pontepedriña de Santiago de Compostela e especialista na obra de Otero Pedrayo. Foi bolseira da Fundación Otero Pedrayo e forma parte da Comisión de Goberno da entidade, da que exerceu como secretaria. É tamén membro do consello de redacción de Andaina. Revista Galega de Pensamento Feminista, do consello de administración da Editorial Galaxia e padroeira do Museo do Pobo Galego.
María Pilar García Negro é profesora honoraria da Universidade da Coruña e escritora. A súa investigación céntrase na sociolingüística, os dereitos lingüísticos, a literatura galega e o feminismo, con estudos dedicados, entre outros autores, a Rosalía de Castro, Emilia Pardo Bazán, Castelao, Ricardo Carvalho Calero e Manuel María. Foi profesora do Departamento de Galego-Portugués, Francés e Lingüística da UDC e deputada no Parlamento de Galicia entre 1989 e 2003.
Parladoiro II. Xeografía e paisaxe en Otero Pedrayo
Manuel Gago e Rubén Lois González
Mércores, 21 de outubro, ás 19:00 h
A segunda sesión afondará na importancia da xeografía e da paisaxe no pensamento e na obra de Otero Pedrayo, así como na súa relación co patrimonio e coa historia. A conversa reunirá o divulgador cultural Manuel Gago e o catedrático de Xeografía Rubén Lois González.
Manuel Gago Mariño é doutor en Comunicación pola Universidade de Santiago de Compostela, director de culturagalega.gal, a plataforma cultural do Consello da Cultura Galega, e profesor de Ciencias da Comunicación na USC. A súa actividade de divulgación céntrase, entre outros ámbitos, na historia, a paisaxe e a cultura de Galicia.
Rubén C. Lois González é vicepresidente da Unión Xeográfica Internacional e catedrático de Xeografía da Universidade de Santiago de Compostela, onde dirixe o Instituto Universitario de Estudos para o Desenvolvemento de Galicia (IDEGA). É especialista en xeografía urbana, cultural e política, desenvolveu unha ampla traxectoria investigadora e académica no ámbito galego e internacional.
Parladoiro III. Resonancias oterianas na literatura
Margarita Ledo e Marga do Val
Mércores, 28 de outubro, ás 19:00 h
O ciclo pecharase cunha conversa sobre a pegada de Otero Pedrayo na literatura posterior. Margarita Ledo e Marga do Val, ambas as dúas autoras que levan prestado especial atención á obra oteriana desde a creación e a investigación, reflexionarán sobre as súas resonancias na literatura posterior e, nomeadamente, na súa propia produción.
Margarita Ledo Andión é catedrática emérita da Universidade de Santiago de Compostela, cineasta e escritora. A súa traxectoria está vinculada á investigación sobre a cultura, a creación e a expresión desde perspectivas diversas, así como ao cinema e á fotografía. Entre os seus recoñecementos figuran o Premio Nacional da Cultura Galega e o Premio Otero Pedrayo. É membro da Real Academia Galega.
Marga do Val é catedrática de Lingua e Literatura Galega de Ensino Medio no IES Rosalía de Castro de Santiago de Compostela. É autora de estudos sobre a escrita de mulleres, o exilio galego e a obra de Otero Pedrayo, ademais de narradora, poeta e dramaturga. A súa obra A cidade sen roupa ao sol recibiu o Premio da Crítica Española. Colabora como columnista en Nós Diario.

