Inscrición ata o 7 de outubro
Ler adoita considerarse unha actividade solitaria, pero ficar só con ese aspecto é perder a outra metade: a da socialización da lectura. A literatura alimenta, pero tamén ten que ser alimentada.
No club de lectura da Normal, que se reúne os mércores de 18 a 20 horas de xeito quincenal, comentaremos o libro lido na casa (temática, estilo, acción, personaxes, sensacións…) fomentando o debate san e a participación de persoas moi diversas. Non se pretende facer unha análise exhaustiva da obra, senón incrementar o pracer da lectura transcendendo do individual ao colectivo e descubrindo novos puntos de vista. As obras e autores e autoras a ler escolleranse atendendo á súa importancia, pero tamén á variedade: diferentes países e linguas de orixe, en galego e castelán, novela, ensaio, cómic, teatro… Libros que ao mellor ti nunca escollerías poden converterse no teu favorito.
Os libros serán prestados pola coordinadora (non é necesaria a súa compra).
Días de reunión
- MÉRCORES 9 OUTUBRO
- MÉRCORES 23 OUTUBRO
- MÉRCORES 6 NOVEMBRO
- MÉRCORES 20 NOVEMBRO
- MÉRCORES 4 DECEMBRO
- MÉRCORES 18 DECEMBRO
- MÉRCORES 8 XANEIRO
- MÉRCORES 22 XANEIRO
- MÉRCORES 5 FEBREIRO
- MÉRCORES 19 FEBREIRO
- MÉRCORES 5 MARZO
- MÉRCORES 19 MARZO
- MÉRCORES 2 ABRIL
- MÉRCORES 23 ABRIL
- MÉRCORES 7 MAIO
- MÉRCORES 21 MAIO
- MÉRCORES 4 XUÑO
- MÉRCORES 18 XUÑO
✴︎ Docente

Antía Yáñez
Enxeñeira de Camiños, Canles e Portos pola UDC, na actualidade dedícase á escrita e a actividades de dinamización da lectura para todas as idades. Algunhas das súas obras son O misterio de Portomarín (Galaxia, 2016), O misterio do torque de Burela (Galaxia, 2019), Senlleiras (Premio Illa Nova 2018, Galaxia), A Reconquista (Premio Fina Casalderrey de literatura infantil pola igualdade, Baía Edicións, 2018), Be Water (finalista I Premio María Victoria Moreno de Literatura Xuvenil, Cuarto de Inverno, 2019), Plan de rescate (Premio Agustín Fernández Paz pola Igualdade, Xerais, 2020), traducido a castelán e catalán, ou o recente Non penses nun elefante rosa, publicado en galego por Xerais e en castelán e catalán por Contraluz (2022).
É membro do comité de redacción da revista Luzes e cos seus traballos no eido xornalístico gañou os premios Johan Carballeira(2022) e As mulleres que opinan son perigosas (2024). É finalista do XXI Premio Afundación de Xornalismo Fernández del Riego.
