Obradoiro de 35 horas
Nesta Aula de Teatro da UDC proponse formar ás alumnas en técnicas de interpretación e entrenamento actoral para a posterior montaxe dunha peza escénica baseada no conflito das Encrobas e as minas de lignito do ano 1977.
OBXECTIVOS E COÑECEMENTOS:
Obradoiro enfocado na formación actoral das participantes (con ou sen experiencia previa), facendo un repaso por diferentes tradicións escénicas e entrenamentos actorais de Occidente, Asia e África. Emancipar aos actores no proceso de creación a través do traballo cos límites da subxectividade e a fisicalidade nun entorno de coidados.
O íntimo e o colectivo: o risco, a liberdade e os afectos.
O desexo, o inconsciente e a tensión: a creación da personaxe.
O obxecto como metáfora: creación con materiais.
O tempo, o ritmo e a atención: o compromiso total coa tarefa e a desvinculación cos froitos da acción.
Voz e textualidade: o poema como texto teatral, escritura automática como diálogo.
Fisicalidade: a monstruosidade, o límite e o onírico.
✴︎ Docente

Helena Salgueiro
Docente:
Helena Salgueiro é directora escénica, poeta, dramaturga e activista galega. É directora artística da compañía Columna Balteira. Autora dos poemarios Amor Palimpsesta (2025, Premio de poesía Fiz Vergara Vilariño), SORA (con Masako Hattori, 2024), As Flores (2016, Premio de poesía Rosalía de Castro), Intermitencia da Cidade (2012, Premio de poesía Avelina Valladares), a obra de teatro Todas as illas son unha illa (2021) e tradutora de Beats de Kieran Hurley (2022). Os seus traballos escénicos foron amosados en Galiza, Portugal, España, Suecia, Reino Unido e Arabia, coproducidos polo Centro Dramático Galego, Festival Internacional de Teatro do Alentejo e comisionados polo Festival Contradança, o Dance Base (National Centre for Dance of Scotland) etc. Imparte conferencias e laboratorios en distintas universidades e museos (UDC, USC, CGAC, UNL, UCLM…) ademais de participar en diversas antoloxías de poesía galega e publicacións académicas arredor das artes performativas, a poesía e os estudos de xénero. O obxecto do seu traballo é a performatividade, o xénero, a linguaxe, a coreografía do corpus social, a arte de acción e o arquivo. Converxe a súa traxectoria artística coa militancia política en organizacións anarquistas e feministas galegas.
