Obradoiro de 30 horas
Horario: xoves de 16:30 a 19:00
O obxectivo deste taller é introducir aos participantes nunha práctica profesional e artística en torno á fotografía. Pasaremos polas distintas fases de creación dun proxecto fotográfico: documentación, busca de referencias, toma de fotografías, edición e post-produción, e, resultado final en forma de maqueta de libro de fotografías. Cada participante será considerado como un autor do seu propio proxecto, no que desenvolverá os seus intereses propios e puntos de vista; producirase unha maqueta por participante coa axuda da docente e as aportacións do grupo.
Este proceso prolongarase a todo o curso e combinará sesións de presentación na aula con saídas en grupo á rúa para tomar fotografías. As presentación na aula basearanse en que a docente mostrará proxectadas unha serie de carruseis de imaxes nas que se trata de introducir ou ampliar a cultura fotográfica dos e das participantes, fomentando a conversa e o diálogo. Estes pases de fotografías teñen como finalidade enriquecer a reflexión visual e aportar un amplo e variado abano de referencias e inspiración de cara ao traballo propio do alumnado.
Por outra banda, as saídas á rúa serán outro dos piares esenciais deste obradoiro, complementando as sesións na aula. Afondaremos na importancia da toma fotográfica consciente e no proceso de edición dunha secuencia, experimentando coa potencia narrativa das imaxes fotográficas. A secuencia, a consecución dunha serie coherente de fotografías, é un dos aspectos nos que reside a complexidade do obradoiro, e, a resolución de problemas que vai suscitar, serán un dos motores de aprendizaxe do mesmo.
✴︎ Docente

Bandia Ribeira
O meu nome é Bandia Ribeira, son unha fotógrafa de As Pontes, A Coruña. En 2015 gradueime en Fotografía Documental na Universidade do Sur de Gales, Reino Unido. Posteriormente iniciei o proxecto “Ni un hogar sin lumbre, ni una familia sin pan” (2023) na provincia de Almería, onde estiven traballando desde o ano 2016. Este proxecto preséntase este outono no festival de fotografía Bristol Photo Fest. O ano 2022-23 fun bolseira Fulbright- Xunta de Galicia, realizando unha estancia de investigación e produción artística en Estados Unidos de un ano de duración. Durante ese ano traballei como bolseira no Departamento de Arquivo e Produción da axencia de fotógrafos Magnum Photos en Nova York. Accedín como investigadora á colección fotográfica da Farm Security Administration na Biblioteca do Congreso e levei a cabo un proxecto propio no que estiven fotografando durante catro meses no Val Central de California.
