
Proxección de With Hasan in Gaza, de Kamal Aljafari, presentada por Martin Pawley
☉ Sala Cubo de NORMAL. Paseo de Ronda 47, A Coruña.
☉ Luns, 2 de novembro de 2026 | 19:15h | Entrada libre ata completar a capacidade do espazo
Presentación a cargo do crítico Martin Pawley
NORMAL participa este ano na cuarta edición de Palestine Cinema Days Around the World, unha iniciativa impulsada por Filmlab Palestine que o 2 de novembro reúne cinemas, universidades, centros culturais e colectivos de máis de oitenta países arredor dunha mesma programación de cinema palestino.
A data non é casual. O 2 de novembro de 1917, o Goberno británico asinou a Declaración Balfour, o compromiso colonial que dispuxo sobre a terra e a vida do pobo palestino sen contar con el. Cento nove anos despois, esa historia segue a determinar o presente. Un cesamento do fogo fráxil pode retirar Gaza das portadas, pero non detén o xenocidio: o cerco, a fame, os desprazamentos forzados e o abandono seguen a matar. Canto máis se afasta a atención internacional, máis doado resulta que Palestina desapareza do relato público mentres a súa poboación continúa a sufrir perdas irreparables.
Palestine Cinema Days Around the World nace da necesidade de protexer as historias palestinas fronte ao borrado, ao silenciamento e á distorsión sistemáticos. Non se trata só dun ciclo de proxeccións, senón dunha declaración colectiva de que a narrativa palestina non pode ser eliminada, de que a súa cultura persiste e de que as súas voces seguen a ser escoitadas en calquera lugar do mundo. Proxectar estas películas é un acto de presenza, de memoria e de rexeitamento colectivo do borrado.
A película: With Hasan in Gaza, de Kamal Aljafari (Documental 106 min, VO con subtítulos en galego)
No ano 2001, Kamal Aljafari gravou en Gaza tres cintas MiniDV que recentemente volveron aparecer. Nelas, a procura dun antigo compañeiro de prisión de 1989 convértese nunha viaxe inesperada de norte a sur da Franxa xunto a Hasan, un guía local cuxo destino se descoñece hoxe. As imaxes rexistran unha Gaza anterior á destrución actual e funcionan agora como arquivo dun territorio e dunhas vidas que a violencia está a apagar.
A proxección será introducida polo crítico de cinema Martin Pawley, que contextualizará este traballo dentro da filmografía de Aljafari, unha obra construída en boa medida a partir da memoria, do arquivo e da reapropiación das imaxes de Palestina.
