Cinco encontros arredor da arte, a memoria das mulleres e a defensa dos territorios.
NORMAL programa cinco actividades complementarias á exposición de Viki Rivadulla entre novembro de 2026 e xaneiro de 2027. Visitas comentadas, palestras, poesía e unha camiñada participativa amplían o diálogo co universo ecofeminista da artista.
A exposición «Onde habitan as mouras. Cartografías de nós», de Viki Rivadulla, continúa máis alá das obras cun programa de actividades que convida a explorar as súas propostas desde diferentes linguaxes e perspectivas. Entre o 17 de novembro de 2026 e o 7 de xaneiro de 2027, NORMAL acollerá cinco encontros en que a arte, a poesía, a historia e o pensamento crítico se entrelazan para abrir novos espazos de reflexión e participación.
A través das distintas propostas, reivindícanse as rebeldías e as resistencias das mulleres que, ao longo do tempo e tamén na actualidade, defenden a vida, a auga, os corpos e os territorios fronte ao extractivismo, o colonialismo, o xenocidio e a ecoloxía da guerra.
O programa comeza o 17 de novembro cunha visita comentada á exposición da man da propia artista, Viki Rivadulla, que permitirá coñecer as claves do seu traballo e o universo simbólico que constrúe. Ao día seguinte, o 18 de novembro, Encarna Otero achegaranos á memoria das Encrobas, un episodio fundamental da resistencia galega e da loita pola defensa da terra. A palestra, presentada por Inma Doval, porá o foco no protagonismo das mulleres e na súa afouteza na defensa do territorio.
A palabra poética ocupará o espazo o 20 de novembro, coa Plaquette. Poemas en diálogo con «Onde habitan as mouras. Cartografías de nós», un recital e a presentación dunha edición limitada que reúne poemas de autoras galegas creados en diálogo co universo plástico. Coordinada por Inma Doval e con deseño gráfico de Ana Alonso, a publicación reúne as voces de Viki Rivadulla, Inma Doval, Emma Pedreira, Ana Pillado, Teresa Ramiro, Laura Rey Pasandín e Iolanda Aldrei.
O 21 de novembro, a memoria trasladarase ás rúas da Coruña cunha camiñada participativa arredor de «O oficio de lavar». Da man de Carmela Galego e Patricia Angulo, a ruta cultural percorrerá fontes e lavadoiros da cidade para recuperar a memoria das augadoras e lavandeiras, mulleres cuxos traballos e saberes formaron parte esencial da vida comunitaria e da historia urbana. A proposta conta coa colaboración da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda.
O programa pecharase o 7 de xaneiro de 2027 coa palestra «A cuestión do ecocidio en Gaza: dereito internacional e perspectivas ecofeministas», a cargo de Sonia Boulos, profesora de Dereito Internacional dos Dereitos Humanos. A sesión analizará a destrución ambiental en Gaza desde outubro de 2023 á luz do dereito internacional vixente e das propostas para recoñecer o ecocidio como delito específico, incorporando unha perspectiva ecofeminista que atende especialmente ao impacto na reprodución social, no traballo e os coidados e nas condicións materiais de existencia da poboación afectada.
Con este programa, NORMAL amplía o espazo de encontro que propón a exposición de Viki Rivadulla e convida a percorrer distintas cartografías da memoria, da resistencia e da creación colectiva. Cinco actividades para escoitar outras voces, recuperar historias e pensar, desde a cultura, os vínculos que nos unen á terra e á vida.
Coordinación das actividades: Mar Rodríguez Romero
PROGRAMA DE ACTIVIDADES


