35 horas
Mércores de 19:00 a 21:00 horas
Obxectivos e contidos da Aula
Encontros e desencontros absurdos nunha viaxe dende o humor, co corpo e a danza como ferramenta principal.
Obxectivos da Aula:
Xogaremos, coa inspiración da obra de Woody Allen, Contos Sen Plumas, a crear secuencias danzadas e interpretadas dende o corpo que recreen personaxes cunha curiosa cotianidade. Un mundo absurdo que tomará forma ao longo do proceso creativo.
Danza despoxada da intensidade e o dramatismo que a adoita caracterizar. Desta vez tomaremos o humor como obxectivo.
Contidos da Aula:
É importante a observación previa das intérpretes para que elas se impliquen, non só como intérpretes, senón tamén como creadoras, coa finalidade de que a peza teña un pouco da esencia de cada unha, sempre guiadas por pautas concretas e revisión e modificacións do material por parte das directoras.
É por isto que cremos firmemente na creación colectiva, porque fai que as intérpretes brillen, e despreguen as súas habilidades e a súa esencia. Isto fai que a peza medre, e tamén que elas se impliquen máis. Despois, é tarefa das directoras que este material teña unidade dentro da diversidade.
Haberá tamén material coreográfico creado directamente polas coreógrafas (momentos grupais que fan que a coreografía adquira a forza que precisa).
Teremos en conta conceptos e pautas que nos guiarán na procura do material para a obra:
- Actividades cotiás feitas dun modo absurdo.
- Encontros e desencontros: relacións entre personaxes.
- A procura do universo colectivo, indagando a través das tradicións e a idiosincrasia galega.
- Interaccións con obxectos, utilizados de maneiras diferentes á súa utilidade normal.
- Coreografías precisas e unísonos con premisas cotiás, por exemplo: miradas, tomar unha cunca de té, poñerse unha chaqueta, etc.
Selección do elenco
Datas das probas de selección: 07/10/2026, 14/10/2026
Horario: de 19:00 a 21:00 h
A inscrición dará acceso ao proceso de selección para as novas incorporacións á Aula de Danza. Unha vez seleccionada a persoa e superada a proba, enviaráselle un correo electrónico coa ligazón para formalizar a matrícula.
Seleccionaranse entre 7 e 15 persoas para participar na creación dunha peza. Valorarase especialmente a experiencia ou formación previa en danza contemporánea ou danza urbana, así como o coñecemento de clown ou teatro físico, aínda que non sexa de carácter profesional.
Ademais da experiencia e das capacidades artísticas, valorarase especialmente o compromiso coa asistencia aos ensaios e ás actuacións vinculadas ao proxecto.
Se estás interesado en participar na audición, por favor, enche o seguinte formulario
fotografía: @byn_imagen_corporativa.
Espectáculo: Derivas
Aula de Danza da UDC 2025-26
✴︎ Docentes

Alba Fernández Cotelo e Alicia López
Alicia López e Alba Fernández son bailarinas, creadoras e mestras de danza contemporánea. Ambas destacan pola súa multidisciplinariedade e a posta de diferentes ferramentas (danza urbana, teatro, danza contemporánea, artes plásticas, clown…) en favor da creación e da dramaturxia do movemento. Alicia dende 2016 e Alba dende 2006, son parte de diferentes compañías como creadoras e intérpretes. Poñemos a nosa experiencia en favor do proxecto, que será colaborativo, e á vez unha experiencia de aprendizaxe para todas as persoas participantes.
