NORMAL inaugura unha nova exposición, con obra de Tatiana Medal, o día 7 de outubro ás 19.30 h. Poderase visitar até o 7 de xaneiro de 2022
Tatiana Medal propón para a sala NORMAL unha ollada sobre a morfoloxía urbana da Coruña a través do debuxo e da narrativa de cor.
Este traballo constitúe unha análise formal e cromática desde unha perspectiva perceptiva e compositiva empregando a linguaxe do código urbano. A presenza das capas como soporte abstracto da complexidade urbana, exprésase a través dunha sucesión de telas perforadas creando un baleiro. Os perímetros dos barrios compóñense entre si, analizando a morfoloxía da cidade mediante a asociación das formas ás cores. A posmodernidade da cidade contemporánea permite comezar unha procura emocional na sucesión de superposicións formais a través da cor. Cada obra transmite unha das múltiples caras da Coruña desde a cor e a forma. En conxunto elabórase un novo significado preceptivo dos códigos urbanos capaz de proporcionar lecturas inesperadas do urbanismo coruñés.
A proposta artística de Tatiana Medal crea unha narrativa singular da cidade e da Coruña. A cor, a forma e o código como novos elementos de experimentar o urbanismo. Un exercicio que continúa a teoría cromático-formal das vangardas, atravesando o posmodernismo ata definir unha nova forma de percibir a cidade.
(Texto: Nuria Prieto, Arquitecta).
Por motivo da situación sanitaria, a cabida máxima para o acto de inauguración da exposición é de 50 persoas que para asistir terán que encher o formulario cos seus datos na seguinte ligazón: Inscrición para asistir á inaguración da exposición Códigos
Publicado por: Cultura

