Este xoves día 25 de marzo inaugúrase en NORMAL a exposición “Camiño Negro” de Damián Ucieda, comisariada por Juan de Nieves.
A mostra presenta medio centenar de fotografías de Damián Ucieda froito dun proxecto artístico e de investigación iniciado en 2017 e que examina a relación do petróleo e da refinería coa contorna da cidade, como se definen estes territorios e a convivencia entre a urbe e a industria. Alén disto, a exposición inclúe tamén outros documentos que poden axudar ás persoas que a visitan a contextualizar o traballo fotográfico, de modo que o proxecto se desborde e enriqueza para se situar entre a arte e a historia; neste sentido, realizouse un baleirado de prensa a partir do cal se pode seguir o relato da construción da refinería coruñesa, e en definitiva, para entender un dos procesos de industrialización máis importantes do pasado século no noso país.
Camiño Negro constitúe un itinerario non visible ao longo do trazado urbano e dunha parte da súa periferia na cidade da Coruña. Ao longo dos seis quilómetros e medio que van desde o porto da cidade ata a refinería situada entre os vales de Bens e de Nostián, este traxecto oculto aparece entrecruzado na superficie con retrincos de territorios indeterminados a medio camiño entre o rural e o urbano.

Ao longo de dous anos de investigación e acción sobre o territorio, Damián Ucieda percorreu este itinerario como un paseante observador e intuitivo que clasifica e observa o territorio como entidade física e á vez extrae do mesmo sucesivos rexistros que o vinculan á historia, á memoria do lugar e á antropoloxía. O resultado deste proceso son cincuenta fotografías en branco e negro que non pretenden mostrar unha visión idealizada da cidade; evidencian, pola contra, un presente distópico que manifesta as contradicións entre a idea de progreso e a pervivencia doutras formas de vida e de economía de subsistencia practicamente en extinción.
Na mostra colabora o recén creado Museo Virtual da Fundación María José Jove, cun audiovisual que poderá ser visionado na sala de exposicións de NORMAL a través dunhas lentes de realidade virtual.
A exposición poderá visitarse ata o 25 de xuño.
Por motivo da situación sanitaria, cómpre inscribirse para asistir á inauguración nunha das dúas quendas ofertadas:
