
NORMAL acolle unha nova edición de «Interferencias», o ciclo de concertos promovido polo Conservatorio Superior de Música da Coruña e a Universidade da Coruña, que propón un encontro entre a música en directo e os espazos universitarios.
A programación en NORMAL inclúe cinco concertos entre decembro de 2026 e maio de 2027, con entrada libre ata completar a capacidade.
A música e a arquitectura poden establecer diálogos inesperados. Desa relación nace «Interferencias · Música e espazo en diálogo», un ciclo impulsado polo Conservatorio Superior de Música da Coruña e a Universidade da Coruña que regresa no curso 2026/27 con doce concertos repartidos entre tres espazos universitarios: Reitoría, NORMAL e o Planetario da Escola Técnica Superior de Náutica e Máquinas.
A proposta convida a descubrir a música desde lugares singulares, nos que as características arquitectónicas, a acústica e a proximidade entre intérpretes e público forman parte da propia experiencia musical. Unha programación aberta á cidadanía na que o alumnado do Conservatorio Superior de Música da Coruña achega diferentes repertorios e formacións, desde propostas solistas ata agrupacións de cámara e bandas (ensembles).
En NORMAL, espazo de intervención cultural da Universidade da Coruña, desenvolveranse cinco concertos ao longo do ciclo. A escala humana das súas instalacións, nas que público e intérpretes comparten o mesmo nivel, ofrece un contexto especialmente próximo para escoitar e experimentar a música en directo.
- Martes 1 de decembro de 2026 | 20:00 h | Sala Cubo
- Martes 15 de decembro de 2026 | 20:00 h | Sala expositiva
- Martes 27 de abril de 2027 | 20:00 h | Sala Cubo
- Martes 4 de maio de 2027 | 20:00 h | Sala expositiva
- Martes 11 de maio de 2027 | 20:00 h | Sala expositiva
O primeiro concerto, que terá lugar o martes 1 de decembro, contará coa participación de Paula Rodeiro (viola), Luca Capobianco (violín), Sara Mirapeix (viola), Verónica Valido, Carmen Silvarrey, Paula García e Jessica Gonçalves (violonchelos), así como do Cuarteto Alisio, formación integrada por Pablo Peláez (saxofón soprano), Miguel Valle (saxofón alto), Rubén Fuerte (saxofón tenor) e Pablo Rodríguez (saxofón barítono).
O programa reúne obras de Johann Sebastian Bach e Antonín Dvořák, con pezas para instrumentos de corda e unha adaptación para cuarteto de saxofóns.
Todos os concertos en NORMAL terán lugar ás 20:00 h e serán de entrada libre ata completar a capacidade.
Lugar: NORMAL. Espazo de intervención cultural da Universidade da Coruña. Paseo de Ronda, 47. A Coruña
