
“Queixa: Roma ou morte” é unha conferencia escénica de Brigitte Vasallo dirixida por Gena Baamonde.
Que queda nos territorios e nas persoas cando unha comunidade emigra? Como transformou a industrialización a vida rural? Que memoria permanece despois de todo ese proceso?
“Queixa: Roma ou morte” é un artefacto escénico vivo e cambiante que explora a migración, a memoria, a identidade e a transformación dos territorios, a través da oralidade e da participación
“Queixa: Roma ou morte“
de Brigitte Vasallo.
📅 1 de outubro
🕡 19:30 h
📍 Sala de exposicións, NORMAL
Combinando investigación, narración oral e literatura performativa, a peza aborda as diásporas campesiñas do sur de Europa e reflexiona sobre o desmantelamento da sociedade campesiña a mans da industrial. O epicentro está en Chandrexa de Queixa, de onde é filla Brigitte Vasallo, pero o espectáculo remonta tamén o río Llobregat para tocar as sociedades de chegada e o ecocidio resultante deste proceso.
Interpretada pola propia Brigitte Vasallo e dirixida por Gena Baamonde, a peza convida ao público a reconsiderar os relatos hexemónicos sobre progreso e modernización, poñendo en valor os saberes e as culturas campesiñas.
Queixa: Roma ou morte foi presentada en festivais e espazos culturais de referencia tanto no ámbito estatal como internacional, e creada co apoio das Residencias Paraíso do Colectivo RPM e coa bolsa da Academia de España en Roma 2024
Brigitte Vasallo
Creación, dramaturxia, textualidade e interpretación
Escritora, investigadora e docente, foi titular da cátedra Mercé Rodoreda d’Estudis Catalans da universidade de New York (CUNY), artista residente da Academia de España en Roma 2023-2024 e docente do Màster de Gènere i Comunicació na UAB, do postgrado de Cultura de Paz da UB, e de LAP (Laboratori d’Art i Pensament) de Es Baluard Museu. É autora de Pornoburka, prologada por Juan Goytisolo, de Pensamiento monógamo, terror poliamoroso, de Lenguaje inclusivo e exclusión de clase, e do Tríptico do silencio, todas elas con edicións internacionais. Dirixiu o I Festival de cultura txarnega de Barcelona, a terceira edición do congreso internacional Non Monogamies and Contemporary Intimacies e foi asesora internacional do CES da Universidade de Coimbra. Estreou tamén, como dramaturga, a investigación escénica Un corpo (posible) e lesbiano, en cocreación coa artista visual Alba G Corral. O seu último libro, A fosa aberta, foi publicado en Anagrama en 2026.
Gena Baamonde – mullerona
Dirección
Doutora en Belas Artes, titulada en Arte dramática, dramaturxia e dirección de escena, e con formación en artes do movemento, igualdade, xénero e diversidade sexual. Estivo vinculada a Matarile Teatro, a Teatro Galán e ao festival de danza En pé de pedra. Foi artista residente co Centro Coreográfico Galego co proxecto Corpo-puta-vaca-berro. Traballou tamén na asistencia de dirección e dramaturxia para o Centro Dramático Galego, Factoría, Disque Danza, A Artística, Helen Bertels e Voadora. Fundou a compañía María a Parva, coa que estreou os espectáculos Mullerona e Xogo para nenas e indignos, dos que escribiu os textos e asumiu a dirección. Forma parte da creación e dirección de diversos proxectos de A Artística, Desmemoriados e Arquitectura da Emoción. Dirixiu Elisa e Marcela da compañía A Panadaría. Traballa xunto con Andrea Quintana no colectivo VACAburra. Actualmente codirixe a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia.
